Veño de ver esta fantástica película de Iciar Bollaín e quero compartir convosco o meu entusiasmo.
Seguramente son a última. Posiblemente xa todos a teñades visto. Pero, aínda así, quero dicir: que beleza! Que beleza de fotografía, que beleza de paisaxes, pero, sobre todo, que beleza de mensaxes!
Na historia mistúranse dúas tramas: por unha banda, a filmación dunha película sobre Colón e Frei Bartolomé das Casas; pola outra, o conflicto pola auga no que, sen querer, acaba véndose implicado o equipo de filmación. A eterna historia entre o poder do diñeiro e o dereito á vida nunha visión paralela (o século XVI ó que nos transporta a trama da película que se está a rodar, e o conflicto da auga na Bolivia do século XXI). Entre ambas as dúas realidades, o vínculo o establece o personaxe de Daniel.
Destacaría as fantásticas interpretacións de
Karra Elejalde,
Gael García Bernal e
Luis Tosar, ademais de
Juan Carlos Adubiri.
Pero, para mín, o máis asombroso é a transformación que o conflicto pola auga produce nos personaxes. Un conflicto que lles fai evolucionar como persoas. Apenas ninguén acaba sendo o que prometía. O actor que encarnaba a Frei Bartolomé das Casas, pasa de facer unha defensa belixerante a favor das posturas defendidas no século XVI polo dominico a escapar dunha situación que pon en grave perigo a súa existencia. Costa, o produtor só interesado en rematar a película co mínimo custo posible, acaba implicándose (expondo, incluso, a vida) por salvar a unha meniña; o borracho intérprete de Colón parece ser o único que acaba tomando unha postura madura e serena. E, no medio, o empeño de Sebastián por eloxiar a figura de Frei Bartolomé e a incombustible defensa que Daniel fai pola vida do seu pobo. Un pobo do que o único futuro é sobrevivir.
Deixovos co trailer la película, e coa páxina web da mesma: